Ve a luz o Samsung Galaxy S III Mini

xoves, 11 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Tras unha semana de filtracións que deixaron pouca marxe para a sorpresa, hoxe fíxose oficial o Samsung Galaxy S III Mini, móbil baseado no popular Galaxy S III, pero cun tamaño máis reducido e unhas prestacións máis modestas o que o fai máis asumible e incluso máis cómodo para moitos usuarios. Groso modo poderíamos dicir que o novo dispositivo chega cunha pantalla Super AMOLED de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, Android 4.1, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM e cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles.
Entrando en detalles podemos comentar que o Samsung Galaxy S III Mini pode gravar vídeo a 720p, conta con receptor de radio FM, ten conectividade Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e NFC, 8 ou 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), batería de 1.500 mAh, un grosor de 9,85 milímetros e un peso de 111,5 gramos. En definitiva, que en vez de estarmos ante un enorme dispositivo con pantalla de 4,8 polgadas aseméllase máis ao resto de terminais que hai actualmente no mercado, podendo resultar así máis competiivo e chegando a un maior público grazas a un prezo máis popular (rumoréase que podería custar uns 399 euros en vez dos 549 euros do seu irmán maior).

PUBLICIDADE