Vázquez Abad comproba o funcionamento da aula dixital do CEIP Doutor Suárez, en Fornelos de Montes

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na visita que realizou ao CEIP Doutor Suárez

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, achegouse hoxe ata Fornelos de Montes, en Pontevedra, para comprobar de primeira man o estado das instalacións do CEIP Doutor Suárez, que visitou en compañía do director do mesmo, Francisco Rodríguez Rial.
Neste centro, no que estudan 87 alumnos e alumnas, está previsto proceder á reparación da cuberta, motivo inicial que levou ao conselleiro a facer a visita, porén unha vez alí, Vázquez Abad recordou o compromiso do departamento que dirixe con este colexio no tocante á aula dixital.
De feito, este curso asignóuselle un kit completo, que xa foi instalado e que está composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector, no marco do acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria.
Neste sentido o titular da carteira de Educación recordou que, ao abeiro do devandito acordo, este curso repartíronse máis de 600 equipos en centros educativos galegos, “con prioridade para os de infantil e primaria que para o presente curso tiñan un menor equipamento das características antes nomeadas”, así como para os colexios e institutos que asinen contratos programa.

PUBLICIDADE