Vampire: The Masquerade: Bloodlines 2 adía o seu lanzamento ao ano que vén

martes, 11 de agosto do 2020 Marcus Fernández

En 2004 o videoxogo Vampire: The Masquerade - Bloodlines fixo un achegamento á serie dos xogos de rol Mundo de Tinieblas, e dende Paradox Interactive están a traballar duro na súa secuela, que tiña previsto chegar ao mercado este mesmo ano, até o punto de que xa estaban a aceptar reservas do xogo en distintas edicións entre as que non faltaba unha edición para coleccionistas (cun libro en formato descargable, a banda sonora do xogo en vinilo, unha caixa metálica, un póster e unha figura de resina de 28 centímetros de altura), pero finalmente os afeccionados a esta franquía deberán ser pacientes, xa que o lanzamento do xogo queda adiado até 2021.
Dende Paradox Interactive aseguran que queren entregar o mellor xogo posible, que poida ser unha digna secuela, o que consideran imposible de conseguir se publican o xogo en 2020, de aí que decidisen retrasar uns meses o lanzamento de Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2, sen afondar nos detalles que levaron a tal decisión, aínda que podemos entender claramente que estamos ante un dos moitísimos adiamentos que están a experimentar os xogos previstos para este ano por mor da situación sanitaria global.
É de esperar que nos vindeiros meses dean moitos máis detalles deste agardado xogo, previsiblemente nalgúns dos eventos nos que avancen títulos que chegarán ás consolas da vindeira xeración.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE