VR Ping Pong: o tenis de mesa en realidade virtual pixelada

mércores, 8 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Un dos deportes que ten unha relación máis curiosa co mundo dos videoxogos é o tenis de mesa, pois pese a que foi un dos primeiros deportes en contar con versión electrónica (o Ping Pong de Konami data do ano 1985) estivo bastante abandonado, con só algúns títulos como Table Tennis (desenvolvido por Rockstar Games para Xbox 360 e Wii) ou Sports Champions (xogo para PlayStation Move/PS3 que inclúe outros depores como tiro con arco ou petanca), de aí que resulte bastante rechamante que hoxe chegue á PlayStation Store o xogo VR Ping Pong para PlayStation 4 e, como ben aclara o seu nome, precisa dun casco PlayStation VR e a PlayStation Camera para funcionar.
Temos así que os afortunados posuidores de PlayStation VR poderán facerse con esta produción de Reddoll Games que, cunha aparencia moi minimalista (coa que parecen estar a render homenaxe ao clásico xogo de Konami) busca facilitar a práctica do tenis de mesa dun xeito que curiosamente tamén resulta realista, xa que o usuario sente a inmersión e, empregando un mando de PlayStation Move, tamén replica os movementos propios desta disciplina deportiva, polo que estaremos ante un xogo que recibirán de bo grado os que no seu momento gozaron dos xogos deportivos para PS Move ou Wii.
Pese a que os gráficos son moi básicos, o xogo si busca o realismo no que se refire ao seu motor de físicas, polo que a representación de cada servizo e devolución será precisa, conseguindo transmitir a sensación de estar a xogar realmente ao tenis de mesa.
VR Ping Pong ofrece varios modos de xogo: Modo Muro (para pór a proba os reflexos contra un mesmo), Modo Golpea (no que hai que golpear a un obxectivo móbil ao outro lado da mesa), Modo Mesa Rota (na que a mesa desintégrase a cada toque coa bola, de xeito que será preciso xogar con moita precisión), Modo Servizo (tras servir hai que golpear a un obxectivo para devolvelo á zona do xogador contrario), e Máquina TT (despois de que unha máquina lance unha pelota hai que devolvela na zona obxectivo do lado do contrincante). Tamén haberá modo de práctica no que adestrar antes de participar nun torneo contra unha esixente intelixencia artificial.

PUBLICIDADE