VIA Technologies anuncia un ordenador silencioso e compacto

xoves, 31 de maio do 2012 Marcus Fernández

Para quen desexe un ordenador de tamaño compacto e que non faga ruído, por exemplo, para utilizar como reprodutor multimedia no salón, pode optar por facerse coa nova solución de VIA Technologies, o equipo ultracompacto e sen ventiladores VIA ARTiGO A1200, que nunha pequena carcasa de 24,3 x 12,4 x 3 centímetros agocha un procesador VIA Eden X2 de dobre núcleo a 1 GHz, ata 4 Gb de RAM, procesador VIA VX900 (para a multimedia, sendo capaz de correr os formatos de vídeo en alta definición máis habituais), saídas HDMI e VGA, 2 portos Gigabit Ethernet, 4 portos USB 2.0, o conector CFast, 2 tomas de audio e un porto USB 3.0 (opcional).
Pese a non contar con ventiladores para poder operar en silencio, o VIA A1200 é capaz de funcionar de xeito estable a temperaturas de entre 0 e 45 graos centígrados, e incluso pode colocarse de xeito doado detrás dun monitor a través dun adaptador VESA de 10 x 10 centímetros.
O VIA ARTiGO A1200 pode equiparse cun disco duro de 2,5 polgadas ou cunha unidade SSD (moito máis axeitada para un funcionamento silencioso) e tamén pode adquirirse con conectividade Wi-Fi. O equipo pode funcionar tanto con Windows 7 como con Linux, estará dispoñible a partires do 20 de xullo, e o seu prezo parte dos 319,99 dólares (258,73 euros).

O seu formato permite conectar de xeito doado o VIA A1200 á parte traseira dun monitor, o que o faría invisible nun escritorio

PUBLICIDADE