VAIO presenta os seus primeiros equipos deseñados tras segregarse de Sony

luns, 16 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

O verán pasado comezaron a comercializarse no Xapón os primeiros ordenadores da marca VAIO que non estaban fabricados por Sony, compañía que se desprendeu do seu negocio de ordenadores persoais, aínda que os novos equipos conservaban a liña dos que vendía Sony no seu día, pero por fin VAIO comeza a realizar lanzamentos con identidade de seu, e agora ten os novos VAIO Z.
Estes novos equipos non se conformarán con ser simples ordenadores portátiles, senón que tamén xogarán a baza de poder controlarse dun xeito semellante a unha tableta (a súa pantalla táctil pode xirarse para estar accesible co ordenador pechado).
O VAIO Z de referencia tería unha pantalla de 13,3 polgadas, unidade SSD, procesador Intel Core i7 de quinta xeración e unha estrutura de aluminio de carbono, conseguindo así un impresionante portátil cun grosor de só 16,8 milímetros e cun peso de 1,34 quilogramos. Para mellorar aínda máis o atractivo deste equipo, tería unha autonomía de até 15,5 horas, o que é todo un logro para un equipo tan delgado e lixeiro. Este potente equipo pode xa encargarse no Xapón a un prezo de 190.000 iens (1.405,43 euros). Tamén estará dispoñible en configuracións máis modestas.
Adicionalmente tamén sairá á venda en maio o VAIO Z Canvas, que reduciría a súa pantalla até as 12,3 polgadas (cunha impresionante resolución de 2.560 x 1.704 píxeles) sobre a que podería empregarse un lapis dixitalizador, de xeito que teriamos un digno competidor da Surface Pro 3 de Microsoft, que buscaría facerse co favor dos usuarios máis creativos.

PUBLICIDADE