Unha startup galega prepara un robot corta-céspede de seu

martes, 28 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro venres, no marco da celebración do 4º aniversario da LaconNetwork, desenvolverase unha mesa redonda que xunta a tres emprendedores galegos que amosarán o que están a facer actualmente, o que nos levou a botar unha ollada a José Manuel Ruiz, a quen coñecemos como director de produto e I+D+i de Blusens, e que agora está a dirixir un novo proxecto tecnolóxico, Smarttek Devices, S.L., do que polo momento só vemos que prepara un produto chamado SmartBot para mediados de marzo, sobre o que procuramos máis información para descubrir que xa ten un vídeo demostrativo moi prometedor.
O SmartBot sería un robot intelixente para cortar o céspede, que viría a ser algo semellante a levar a tecnoloxía que habitualmente vemos nas aspiradoras robotizadas ao xardín, facilitando o mantemento do céspede cun esforzo moi reducido. Esta solución precisa da instalación dunhas guías para limitar a área de funcionamento do robot, que promete ser capaz de cortar ata 2.600 metros cadrados, e incluso funciona en condicións adversas. Pode programarse por zonas, evita obstáculos, permite seleccionar diferentes modos de corte, pode regularse a súa altura de corte e incluso é auto-suficiente (regresa so á súa base).
Resulta esperanzador ver como as startups galegas non se limitan a comercializar produtos de electrónica de consumo de ámbito doméstico, senón que atrévense a abrir novos mercados, apostando por tecnoloxías que ata o momento chegaban da man de grandes fabricantes, cos que ousan competir buscando un equilibrio entre a alta tecnoloxía e un prezo asumible.


Vídeo de presentación do SmartBot de Smarttek Devices, S.L.

PUBLICIDADE