Unha revisión da Neo Geo AES permitirá xogar con cartuchos orixinais

venres, 17 de abril do 2026 Redacción

SNK e PLAION anunciaron o lanzamento da Neo Geo AES+, unha revisión moderna da histórica consola doméstica dos anos noventa que chegará ao mercado o 12 de novembro de 2026. O dispositivo pretende reproducir con fidelidade o hardware orixinal, incorporando ao mesmo tempo melloras adaptadas aos estándares actuais.
A nova máquina estará dispoñible en tres edicións, cun prezo de partida de 199,99 euros para o modelo estándar, que inclúe a consola, un Arcade Stick con cable e conexión HDMI. A edición Anniversary, por 299,99 euros, engade un acabado branco, mando sen fíos e un cartucho de Metal Slug tamén personalizado. Pola súa banda, a edición Ultimate, que ascende ata os 899,99 euros, incorpora dous sticks, mando adicional e unha colección de dez xogos clásicos en formato físico (tamén venderán os xogos soltos a un prezo de 79,99 euros cada un).
Un dos elementos máis salientables da Neo Geo AES+ é a súa compatibilidade cos cartuchos orixinais da consola, evitando a necesidade de adquirir novas versións dos xogos. Ademais, segundo os seus responsables, o sistema non recorre á emulación nin a solucións FPGA, senón que emprega chips ASIC redeseñados para replicar o funcionamento da máquina orixinal con precisión.
A proposta mantén así o enfoque de autenticidade arcade que definiu a marca, ao tempo que introduce saídas HDMI de baixa latencia, compatibilidade con pantallas CRT mediante conexión AV, interruptores DIP para axustes avanzados e opción de gardado permanente de puntuacións mediante tarxeta de memoria.
Entre os títulos dispoñibles no lanzamento figuran clásicos como Metal Slug, The King of Fighters 2002, Garou: Mark of the Wolves ou Samurai Shodown V Special, reforzando o atractivo dunha consola orientada tanto a coleccionistas como a afeccionados ao xogo retro.

Vídeo promocional da Neo Geo AES+