Unha pulseira facilitará a gravación sonora dos últimos 60 segundos da nosa vida

venres, 6 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A orixinalidade de certos proxectos en Kickstarter pode sorprendernos en moitas ocasións por amosar produtos que claramente nunca chegarían a ver a luz se non fose polo micromecenado, que permite xuntar a un público moi disperso para permitir a produción industrial de dispositivos de nicho como Kapture, unha curiosa pulseira que grava audio en combinación cun smartphone e que busca xuntar 150.000 dólares para facerse realidade (o que parece que conseguirá coa bastante facilidade, pois en catro días xa conseguiu a terceira parte da cantidade perseguida).
A idea de Kapture consiste nunha pulseira emparellada por Bluetooth cun móbil con Android ou iOS que integra un micrófono e unha memoria con capacidade para almacenar 60 segundos de audio, de xeito que cando teñamos unha conversa brillante ou simpática, poidamos gravala e compartila ao momento a través da Rede (xa que o dispositivo estaría gravando constantemente sobreescribindo dos datos almacenados hai máis dun minuto).

O Kapture permite unha grande personalización

Para que este dispositivo teña certa aceptación, apostou por un deseño xuvenil e minimalista, en cores básicas e sen botóns, de xeito que só teremos que pulsar sobre o dispositivo para parar a gravación de audio e poder remitila á aplicación de Kapture que teñamos instalada no smartphone para poder editala e compartila. Esta pulseira permite intercambiar tanto a grella que protexe o seu micrófono como a súa correa, conseguindo distintas combinacións de cores que buscan así reflectir o estado de ánimo do usuario.
O Kapture terá un corpo de 27,5 x 35 x 13,2 milímetros resistente á auga, correa de silicona, batería de 120 mAh (o que permite unha autonomía de máis de 24 horas), motor vibrador, micrófono omnidireccional, acelerómetro e conector microUSB para cargar a súa batería interna. Verá a luz a partir de marzo de 2014 e neste momento poden encargarse unha destas pulseiras por uns 110 dólares (95 euros con gastos de envío incluídos).

Para poder coller a gravación dos últimos 60 segundos de audio que rexistre o Kapture chegará con tocar o dispositivo

PUBLICIDADE