Unha plataforma dixital concentra a información e tramitación urbanística

luns, 19 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia avanzará cara a unha xestión urbanística plenamente dixital coa posta en marcha dunha plataforma única que concentrará toda a información e a tramitación dos instrumentos de planeamento e ordenación do territorio. O Consello da Xunta foi informado hoxe da evolución desta iniciativa, que na súa primeira fase, ata 2027, contará cun investimento superior aos 2,5 millóns de euros.
A denominada Plataforma urbanística dixital de Galicia (PUDG) está impulsada pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O obxectivo é ofrecer unha solución integral que permita xestionar de principio a fin todos os procedementos administrativos vinculados ao urbanismo, facilitando o traballo dos concellos, principais destinatarios da ferramenta.
A plataforma integrará a todos os axentes implicados nos procesos urbanísticos, desde a Xunta de Galicia ata as administracións provinciais e locais, outros concellos afectados, organismos sectoriais e a cidadanía, que poderá participar nas fases de información pública e consultas ambientais. Ademais, calquera persoa interesada poderá consultar en todo momento o estado de tramitación dos expedientes, reforzando así a transparencia e a seguridade xurídica.
Entre as vantaxes destacadas figura a mellora na xestión documental, especialmente relevante para os concellos máis pequenos con menos recursos técnicos e persoais, así como a redución dos prazos de tramitación, un factor clave no ámbito do planeamento urbanístico.
Na primeira fase do proxecto estarán operativos catro módulos: un portal de urbanismo, a plataforma de tramitación, un nodo de coordinación urbanística e distintos visores SIX para a carga, análise e xestión da información cartográfica. Nunha segunda etapa completarase o sistema cun portal público de urbanismo e cun módulo SIX aberto, orientados a favorecer unha maior participación cidadá.
A PUDG inscríbese no modelo de plataformas tecnolóxicas sectoriais que promove a Xunta, baseado na modernización dos sistemas de xestión de datos para aproveitar tecnoloxías emerxentes. Neste caso, prevese o uso de microservizos, bases de datos relacionais e non relacionais, sistemas de información xeográfica, análise xeoespacial avanzada e aplicacións web interactivas. Ademais, nesta primeira fase realizaranse probas de concepto e estudos de casos de uso de intelixencia artificial, incluíndo visión artificial e modelos de linguaxe de gran tamaño.
Segundo destaca o Goberno galego, a nova plataforma permitirá unha coordinación máis eficiente entre todos os axentes implicados, mellorará a interoperabilidade entre sistemas e ofrecerá unha visualización máis clara e completa da cartografía asociada aos expedientes urbanísticos, contribuíndo a unha xestión máis áxil e eficaz do urbanismo en Galicia.