Unha manchea de entidades e empresas TIC galegas participarán no congreso de ISACA en Santiago
luns, 9 de setembro do 2019
- Asistentes a unha das edicións do congreso ISACA en Madrid
O
vindeiro 18 de setembro, a entidade internacional ISACA (Asociación
de Auditoría e Control de Sistemas de Información) organiza o I
Congreso de ISACA en Santiago de Compostela no que participan
entidades como o Colexio Oficial de Enxeñeiros en Telecomunicación
de Galicia (o COETG), ou o Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
entre outros representantes (empresas, institucións, asociacións,
profesionais) do tecido TIC do noroeste estatal. Na cita porase o
foco nos ámbitos das auditorías tecnolóxicas, a ciberseguridade,
os riscos TIC ou o goberno dixital, entre outros eidos de actuación.
Será
unha xornada composta por relatorios e mesas redondas cos mellores
expertos en cada área, sempre “baixo un enfoque práctico e casos
de éxito”, informa ISACA, engadindo que o obxectivo é “conseguir
un intercambio de coñecemento esencial e necesario neste tipo de
xornadas, na que tamén terá cabida o networking”.
Fernando
Suárez, presidente do CPEIG, e Julio Sánchez Agrelo, decano do
COETG, participarán como relatores na mesa redonda A formación e
os profesionais en Galicia.
O
evento terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e calcúlase que
concorrerán uns cen expertos nas devanditas temáticas TIC. Por
empresas, centros tecnolóxicos e institucións, estarán presentes
(entre outras moitas) Gradiant, Abanca, R, Coren, Pintos &
Salgado Abogados, o CiTIUS, o CPEIG, o COETG, Emetel, Improsec ou
Tegra (Gradiant). Entre os patrocinadores atópanse firmas
referenciais galegas como Dinahosting.
A
inauguración está prevista para as 10.00 horas, no Centro de
Innovación Cultura do Gaiás. O acto de benvida correrá a cargo de
Ricardo Barrasa, presidente de ISACA Madrid. A continuación virá
unha mesa redonda sobre ciberseguridade e logo, sobre as 12.00, outra
xeira de debate sobre riscos TIC no sector industrial.