Unha investigación amosa a frecuencia e a velocidade ideais dunha voz feminina virtual

martes, 30 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Luis Coelho realizou a súa investigación no seo do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Como debería ser a voz virtual que nos fala dende un navegador ou dende o servizo de atención ao cliente da nosa operadora móbil? Cal sería o número ideal de verbas por segundo? Estas e outras cuestións ficaban até o de agora nunha especie de limbo, con recomendacións máis ou menos exactas pero sen contarse con algo verdadeiramente concluínte. Exactitude e exhaustividade é o que atopamos, precisamente, no traballo desenvolvido polo profesor do Instituto Politécnico do Porto, Luis Coelho, quen traballou co o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, baixo a dirección da profesora Carmen García Mateo, para dar corpo a unha tese de doutoramento que se dirixe a optimizar os dispositivos de síntese de voz.
En boa medida, o que se busca a través desta investigación é afianzar unha serie de modelos estándar para acadar a meirande comodidade e as mellores condicións de comunicación entre os nosos trebellos e nós os usuarios.
Con este motivo, Coelho puxo en marcha un inventario de voces femininas en dez linguas (portugués europeo e do Brasil, galego, castelán, inglés americano, inglés británico, danés, finés, francés e alemán) “e os resultados amosan que o público inclínase por unha voz que teña unha frecuencia media de 193 Hz e velocidade de 2.8 palabras por segundo”, informa a Universidade de Vigo.
O traballo desenvolvido pode agora ter moitas aplicacións, tanto no científico como no comercial, “axudando a lograr dispositivos con voces que esperten maior simpatía, menos agresivas ou máis fluídas”, explica o investigador. Ao seu xuízo, a análise da simpatía pode ser tamén un recurso de gran potencial para os profesionais da voz “que coas indicacións subministradas poden manipular a súa voz co obxectivo de aumentar a súa simpatía”, sinala.
A investigación iniciouse coa posta en marcha do devandito inventario de voces femininas. Cun mínimo de cinco voces por cada lingua, cada unha delas foi avaliada por un grupo de ouvintes nativos, “en relación a un conxunto de criterios subxectivos, que incluíron cuestións como simpatía, atractivo, emotividade, articulación, velocidade e intelixibilidade”. E engade: “Con esta avaliación foi posible caracterizar subxectivamente, a simpatía da voz e percibir, por unha banda, como esta se relaciona con outros conceptos e, por outro, comprender a importancia que adquire en determinados contextos”.
Despois desta fase avaliáronse as características obxectivas e logo, de xeito conxunto, as obxectivas e as subxectivas, abrindo o camiño para conclusións como as que citamos ao comezo deste artigo. En base ao que está por vir, a finalidade é facer medrar a base de datos de voz, en linguas e máis en tipos de voces, abríndolle o camiño ás voces masculinas.

PUBLICIDADE