Unha guía dixital de coidados para mascotas imponse no Santander X Explorer UDC 2024

luns, 20 de maio do 2024 S. P.

O programa Santander X Explorer UDC 2024, programa de Santander Universidades, co que a UDC colabora desde hai 9 anos, rematou a edición deste ano coa posta en valor dos sete proxectos finalistas, que defenderon os seus traballos de emprendemento ante o xurado. A edición contou con 27 inscricións e 15 proxectos, e chegaron á final 9 explorers con 7 proxectos, que defenderon ante o xurado a pasada semana. Segundo valorou o equipo encargado da súa avaliación, foron 7 proxectos de “gran calidade”.
A listaxe está formada por me (proxecto de María del Carmen Cambón Rodríguez, consistente nun proxecto de consultoría de comunicación e mercadotecnia dixital que axuda a que as pemes usen as novas ferramentas e tecnoloxías na comunicación dixital), Colykke (de Candela Giz Rodríguez e Carla González Roca, trátase dun mercado en liña para pequenas e medianas empresas de moda e deseñadores emerxentes, onde o consumidor pode atopar unha grande variedade de estilos e prezos), Dressmocrazy (de Ana Mazarías Regueiro e Eduardo Cambil Pascual-Terrats, unha aplicación web de alugueiro e venda de roupa de segunda man), Fidely (de Gabriel Fernández Blanco, unha aplicación móbil que reúne todos os programas de fidelización dos establecementos de preferencia dunha persoa), Mas+cota (de Clara María Bode Gómez, unha guía dixital para xestionar os coidados e necesidades dos animais de compañía), Moon (de Eduardo Adolfo Tella Vidal, unha marca de roupa orientada á produción local e rexeitamento da subida de prezos cun proxecto chamado sistema Reconvert, destinado ao tratamento de residuos téxtiles coa posibilidade de asociación e afiliación doutras marcas) e Suidade Deseño Galego (de Yolanda Blanco Pereiro, unha marca galega de accesorios artesanais en madeira e coiro, inspirados deseñados e fabricados en Galicia, cooperando con pequenas empresas familiares do rural).
O proxecto gañador foi Mas+cota, de Clara María Bode Gómez, estudante do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto do Campus Industrial de Ferrol; a segunda clasificada foi Yolanda Blanco Pereiro, estudante do grao en Xestión Industrial da Moda, tamén do Campus Industrial de Ferrol, por Suidade Deseño Galego; e o terceiro posto recaeu en Eduardo Adolfo Tella Vidal, estudante do Grao en Ciencias Empresariais do Campus da Coruña, por Moon, quen tamén se fixo co premio ao Reto UDC Dous minutos con... polo seu vídeo breve explicativo do proxecto.
Os premios consistiron nunha tableta, un suadoiro e un diploma acreditativo para a gañadora; e un suadoiro e diploma acreditativo para segunda e terceiro clasificados. Ademais, todos os proxectos finalistas serán valorados por un xurado de SantanderX, que escollerán 30 proxectos para lanzar unha campaña de micromecenado (crowdfounding) co seu acompañamento.
A entrega de galardóns contou coa asistencia da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, María José Lombardía, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana isabel Ares pernas; e o concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez.
O Programa Explorer está dirixido ao alumando de grao, posgrao e PDI que queira crear oportunidades laborais a través do emprendemento, e poida desenvolver unha idea de negocio que contribúa a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
Esta iniciativa axuda a experimentar o emprendemento como opción profesional e como xeito de independencia económica. Para conseguilo, os participantes traballaron sobre a idea xunto cos 18 mentores do programa, 10 deles persoal docente e investigador da UDC, durante 12 semanas, co obxectivo de validala e verificar se se pode converter nun negocio viábel.

PUBLICIDADE