Unha empresa provedora de banda ampla desconecta a usuarios abusivos

martes, 11 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Os Estados Unidos están a pasar por un momento difícil no que se refire ás telecomunicacións, máis concretamente ós servizos de banda ampla de dito país, xa que as necesidades de amplitude dos usuarios está a medrar moito coa chegada da televisión de alta definición e das partidas en liña de xogos cada vez máis complexos. Fronte a esta situación, a compañía Comcast optou por cortar polo san e desconectar a quen faga “uso excesivo” do seu servizo “ilimitado” de conexión a Internet.

Polo visto, no país da liberdade a banda ampla adminístrase de xeito cuasi socialista, xa que segundo informou Yahoo! o pasado sábado, a empresa decidiu desconectar a estes usuarios ós que co seu intensivo uso da rede fan que a velocidade da mesma “diminúa para o resto de clientes”.

Se ben o caso está a crear certa polémica, e como era de agardar xa chegou os tribunais, o voceiro da empresa, Charlie Douglas, dixo que os casos de desconexións “son moi escasos”. Malia todo, asegurou non poder dar “un número exacto” de clientes ós que a empresa xa non achega servizo de Internet. Estes “casos escasos” xa están nos blogs, e, nalgúns casos, xa se ten falado deste tipo de condutas dende o primeiro terzo deste ano, unha marxe de tempo abondo como para que os donos das empresas puideran tomar algunha medida máis xusta cá devandita desconexión.

Crónica dunha desconexión anunciada

Polo visto, tras detectar os “usos abusivos” da conexión a Internet, a empresa dá ós seus clientes “problemáticos” un período de un mes para: ou ben “amañar os problemas” ou ben actualizar o seu plan de conexión, é dicir, pagar máis. Logo deste prazo, se non se chega a un acordo, interrómpese o fornecemento do servizo. Tal foi o caso dun dos clientes do barrio de Rockville, en Washington, que vén de iniciar un litixio coa empresa xa que no seu contrato figura a contratación de “acceso ilimitado a Internet”. Por outra banda, un estudo realizado pola empresa de medicións ABI market research indica que a demanda da televisión de alta definición e doutros servizos como o intercambio de arquivos ou os ditos xogos en liña está a levar a un “falta de capacidade crítica” por parte das empresas para satisfacer as necesidades dos consumidores. O director desta empresa de medicións, Stan Schatt di que a situación é coma a dun “vendedor de verduras que tenta meter catro quilos de patacas nunha bolsa na que só entran dous”, o que podería levar axiña a un “estado de crise”, algo que polo de agora constitúe “un pequeno e sucio segredo da industria do que ninguén quere falar”.

PUBLICIDADE