Unha casete achega música en MP3 dende tarxetas de memoria

luns, 27 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Moitos automóbiles inclúen radiocasete polo que para permitir a reprodución de música en CD ou en MP3 é preciso empregar un adaptador con forma de casete que se pode conectar á saída de auriculares de calquera reprodutor para escoitalo coma se fose unha cinta de música calquera, pero tamén existen alternativas máis compactas e orixinais coma o reprodutor multimedia que vén de anunciar Chinavision, o MP3 Cassette Player.
O novo dispositivo ten forma de casete, funciona nun radiocasete calquera, pero os seus contidos musicais proveñen de ficheiros MP3 almacenamos nunha tarxeta SD ou MMC (ou sexa, dun máximo de 2 Gb) que se lle pode insertar.
O reprodutor tamén funciona coma dispositivo independente (ten saída para auriculares), te batería recargable (mediante un adaptador de corrente ou a través dun porto USB) e, aínda que non sexa un produto revolucionario (xa había casetes deste tipo con memoria interna) de seguro que atopará usuarios para os que resulte de grande utilidade.

PUBLICIDADE