Unha aplicación móbil galega permite falar en vivo cos Reis Magos

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A primeiros de decembro dabamos conta dunha aplicación móbil galega para iOS que facilitaba que os nenos puidesen falar en directo con Santa Claus mediante videoconferencia, e a compañía coruñesa detrás do proxecto, Cunningo, vén de cumprir o seu propósito de aninovo: adaptar a ferramenta para que os pequenos poidan conversar cos Reis Magos.
Reyes Magos é a nova aplicación para iPhone e iPad, que podemos descargar de balde a través da App Store, e que permitirá que os pequenos poidan conversar en vivo con Melchor, Gaspar ou Baltasar, para así comentarlles os agasallos que queren recibir como recompensa polo seu bo comportamento durante o ano.
Esta aplicación ten dúas faces, de xeito que nun extremo da conversa estaría o cativo que conversa cos personaxes máxicos de Oriente, mentres que noutro dispositivo móbil estaría un familiar que conversaría coa voz camuflada mediante un dos 4 efectos dispoñibles. A figura animada que representa a cada Rei Mago moverá a boca mentres o usuario fala, e tamén rexistrará as expresións faciais no caso de que contemos cun smartphone con cámara TrueDepth (ou sexa, un iPhone X ou superior).
Aínda que a aplicación é de balde, integra compras, de xeito que poderemos adquirir bonos de uso, que van dende 2,29 euros por 15 minutos até 7,99 euros para un uso ilimitado.

PUBLICIDADE