Unha actualización permite que o Xperia Sola poida empregarse coas luvas postas

venres, 28 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Sony vén de publicar unha actualización que leva Android 4.0 ao seu móbil Xperia Sola, pero renovar o sistema operativo non é o único que chega como novidade para este terminal que no seu día destacara por contar coa tecnoloxía floating touch, senón que tamén incorpora un novo modo de funcionamento chamado glove mode (modo luva), que permitirá detectar cando un dedo preme a súa pantalla aínda que o usuario leve luvas, de xeito que o Nokia Lumia 920 non será xa o único smartphone de pantalla táctil que pode manexarse coas luvas postas (algo especialmente interesante durante o frío inverno).
Esta solución de software para o Xperia Sola detecta o uso de luvas na pantalla de desbloqueo do terminal, o que resulta moi práctico, pois así é doado conmutar entre o modo normal (con floating touch) e o modo para luvas. Podemos ver o funcionamento desta interesante prestación no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE