Un teclado busca recuperar a experiencia da máquina de escribir

xoves, 3 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Para os nostálxicos das máquinas de escribir tradicionais, que queiran replicar a súa experiencia mecanográfica en equipos modernos, chegará dentro dun ano un curioso accesorio que vén de completar o seu financiamento en Kickstarter (onde pretendía xuntar 90.000 dólares, chegando finalmente aos 129.164 dólares), a Querkywriter, que vén a ser un teclado mecánico semellante a unha máquina de escribir que pode conectarse a ordenadores e dispositivos móbiles por USB ou Bluetooth, e pola que aínda aceptan encargos a un prezo de 309 dólares (uns 227 euros).
Este curioso teclado con aparencia retro incluso pode empregarse como soporte para un tablet, e presentará unhas dimensións de 21,75 x 19,05 x 8,89 centímetros e uns 1,36 quilos de peso, que buscará satisfacer a eses usuarios que quere lembrar os ruídos das teclas e o tacto que tiñan cando picaban as teclas da súa máquina de escribir, aínda que resulta bastante sorprendente que un produto cun prezo tan elevado consiga xuntar a varios centos de persoas interesadas na súa adquisición con máis dun ano de antelación.

O teclado adopta a aparencia e a sensación táctil dunha vella máquina de escribir mecánica
A Qwerkywriter pode servir como soporte para un tablet


Vídeo no que podemos ver como sería o uso do teclado Qwerkywriter

PUBLICIDADE