Un proxecto emprendedor facilita construír un hexacóptero por 999 dólares

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos anos non son poucos os afeccionados que construíron pequenos dispositivos voadores controlados por radio para, entre outras cousas, poder tirar fotografías aéreas e mesmo gravar impresionantes vídeos, valéndose do feito de que as cámaras son cada vez máis lixeiras e compactas, de xeito que cada vez temos creacións máis sofisticadas, que combinan tecnoloxías como a transmisión de vídeo mediante streaming ou a navegación mediante GPS, facendo posible que proxectos coma o Eye3 vaian facerse realidade en breve.
O Eye3 é un kit de montaxe dun hexacóptero robótico deseñado para tomar fotografías aéreas, construído con fibra de vidro e carbono, con 6 motores de 350 W e a posibilidade de cargar cunha cámara de ata 5,5 quilos, que grazas ás achegas económicas de ducias entusiastas poderá adquirirse por prezos que van dende os 999 dólares polo seu modelo básico ata 2.499 dólares por unha versión profesional que inclúe software de piloto automático, aplicacións de navegación, transmisores sen fíos, baterías adicionais e unha estación de carga. Cómpre destacar que este dispositivo está baseado en APM 2.0, unha plataforma de control de voo de código aberto que empregan moitos outros drones caseiros.
Os que queiran facerse cun Eye3 no mes de abril aínda está a tempo para encargar o seu antes do 23 de febreiro.

PUBLICIDADE