Un proxecto do Campus de Pontevedra integra software e hardware libre na preparación deportiva

venres, 27 de novembro do 2020 Sonia Pena

O Campus de Pontevedra está a dar a forma a un programa de adestramento que busca mellorar o rendemento das e dos deportistas a través das ferramentas tecnolóxicas, concretamente mediante o uso dunha plataforma de forzas de baixo custo feita con software e hardware libre. O programa abéirase á materia Metodoloxía e planificación do adestramento deportivo I, do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. O profesor responsábel da materia, Óscar García, explica que a orixe do mesmo está en que para avanzar en capacitación e coñecemento deportivo resulta clave “dispor de datos como os da forza ou presión que o deportista é capaz de exercer”.
Estas medicións, engade, poden levarse a cabo cunha plataforma de forzas, mais, dado o custo destes equipamentos, os futuros e futuras profesionais poden atopar tamén alternativas de baixo custo como os dispositivos de medición de presión elaborados con software e hardware libre que as e os estudantes da materia poñen a proba nestas semanas no marco dun proxecto de innovación educativa.
Achegar ao alumnado as novas tecnoloxías de control da carga de adestramento é de feito un dos obxectivos deste proxecto, seleccionado na convocatoria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para o presente ano e dirixido tamén á elaboración de diferentes ferramentas que faciliten a asimilación dos contidos da materia e a súa transferencia ao futuro desenvolvemento profesional. Coordinado por García, o proxecto no que participan tamén os investigadores Javier Carballo, Tania Álvarez, José María Cancela, Helena Vila, Emerson Ramírez, Alba Cuba e Mario Iglesias inclúe a elaboración de pílulas educativas en vídeo, dun mapa conceptual da materia ou dun caderno de prácticas.
Unha das accións inseridas no proxecto é promover que o alumno poña a proba a “plataforma de forzas de baixo custo” desenvolvida por Carballo con software e hardware Arduino. Trátase, como explica este investigador, dunha peza construída con dúas placas condutivas e unha resistencia central, que impide que a corrente pase dun lado a outro salvo que a lámina se deforme pola presión ou por un impacto. En palabras de Carballo, “canta máis presión se faga, máis voltios pasarán”, e estas variacións rexístranse á súa vez, grazas a un microcontrolador e un programa de software libre, nunha serie de valores, dos que se pode calcular, situando sobre as láminas un determinado peso, a súa equivalencia en quilos. Trátase pois “dun modelo moi sinxelo” co que o alumnado “pode explorar a forza xerada nun salto ou nun determinado xesto deportivo” e que, como apunta García, “evidentemente, non ten a fiabilidade dunha plataforma, pero si que cuantifica moi ben calquera presión, o que permite calcular algo que non podes medir habitualmente”.
Co obxectivo de que poidan probar o seu funcionamento, repartíronse entre as e os estudantes da materia unha vintena destes dispositivos, á vez que se lles achegou “unha guía moi básica”, que lles permita o seu uso.

PUBLICIDADE