Un proxecto anti-pandemia impulsado polo CITIC obtén financiamento do Fondo Supera COVID-19

venres, 24 de xullo do 2020 S. P.

Un proxecto liderado por investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña vén de lograr a concesión de 62.000 euros do Fondo Supera COVID-19 para o desenvolvemento e ampliación dunha ferramenta web que fai seguimento e monitoraxe da evolución da pandemia ao tempo que achega predicións baseadas en diferentes modelos de predición combinada.
A convocatoria, posta en marcha polo Banco Santander en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e CRUE Universidades Españolas e dotada con 8,6 millóns de euros, está dirixida a financiar programas, proxectos colaborativos e medidas de apoio ao ámbito universitario para minimizar o impacto da crise provocada polo coronavirus nos ámbitos sanitario, educativo e social.
O proxecto da UDC recoñecido, Cooperative Forecasting (ForeCoop), xurdiu no marco do programa Matemáticas contra o coronavirus, unha iniciativa do Comité Español de Matemáticas (CEMat) para poñer ao dispor das autoridades as capacidades de matemáticos e estatísticos “en aras de contribuír a entender e combater a pandemia por COVID-19”.
Os profesores da Facultade de Informática da UDC José Antonio Vilar e Ricardo Cao lideran o proxecto. Para o seu cometido, ForeCoop bota man de series de datos de interese como contaxios, falecementos, hospitalizados, ingresos en UCI, etc.
Segundo informan os investigadores, “unha característica diferencial do proxecto é que as predicións son en realidade metapredicións obtidas combinando predicións provenientes de diferentes modelos matemáticos e epidemiolóxicos que, acotío e de maneira independente, subministran ao proxecto un amplo número de grupos de investigación de toda España”. Esta estratexia de combinar predicións, sinalan, é moi acaída para xerar predicións precisas, particularmente en situacións de alta incerteza como é o caso a pandemia por COVID-19.
A ferramenta está xa accesíbel en versión beta a través da web do CITIC.
Cinco eixos
ForeCoop xira ao redor de cinco eixos prioritarios de desenvolvemento: contribuír a mellorar a calidade das series de datos provistas polos gobernos autonómicos; desenvolver software para automatizar o proceso de adquisición de datos e integrar as predicións individuais; aplicar e pór en marcha novos algoritmos de predición cooperativa e avaliar a súa conduta; mellorar as funcionalidades da web interactiva; e dotar de versatilidade e robustez á ferramenta para facela adaptábel facilmente a outras variábeis e a outros países ou contornas.
O proxecto, que conta coa participación de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, así como investigadores da Universidade de Valladolid e da Monash University de Melbourne (Australia), desenvólvese no ámbito do Campus Innova e remarca un dos eixos deste campus de especialización: a importancia da ciencia e a enxeñería de datos ao servizo da sociedade.

PUBLICIDADE