Un programa que é quen de extraer a esencia dos rostros axudaría á identificación de persoas

mércores, 12 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Para os que crían que os ordenadores poden recoñecer faces e identificar a sospeitosos como acontece nas películas, un investigador da Universidade de Glasgow vailles explicar que iso non acontece na realidade e que para os computadores non é tan doado facer comparacións de rostros con diferentes expresións como se pode pensar. Segundo os estudos do doutor Rob Jenkins, as máquinas teñen tantos ou máis problemas para asociar rostros cás persoas, e tanto e así que o investigador está a desenvolver unha tecnoloxía que axudaría ás máquinas a “extraer a esencia” dunha faciana para establecer as liñas comúns das múltiples expresións e outras variables e ligar relacións de xeito eficaz, algo que segundo explica non sucede a día hoxe.

Segundo un artigo da BBC, as máquinas non recoñecen unha face se as expresións varían, e é por este motivo que o devandito investigador está a desenvolver un sistema que permitiría ós ordenadores establecer un “patrón estandarizado” dos rostros mediante o análises comparativo de moitas imaxes dunha mesma persoa. Para este fin, a máquina precisa dun mínimo de 12 fotos, para poder establecer o dito patrón e “desfacerse de información inútil coa iluminación, a expresión e a pose, conservando aquela que se mantén dunha foto a outra”.

Este novo sistema ten o obxectivo de mellorar a eficacia de métodos de seguridade como as cámaras de vixilancia, pero tamén podería ser empregado nun futuro para asociar ás persoas coas fotos dos rexistros, como as do DNI ou outros documentos.

PUBLICIDADE