Un par de xogos galegos premiados na feira IndieDevDay de Barcelona
luns, 11 de setembro do 2023
Quack Time
Event e Avy, fábulas de
la noche, dous videoxogos creados como traballo final do mestrado en Deseño,
Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola
Politécnica de Enxeñaría da Universidade da Coruña (EPEF), veñen de gañar
cadanseu premio na sexta edición da feira
IndieDevDay que tivo lugar esta fin de semana en La Farga de Llobregat
(Barcelona).
Quack Time Event, un videoxogo de plataformas e
quebracabezas en primeira persoa ambientado nun templo en ruínas de onde o
xogador ou xogadora ten que saír botando man dos poderes espazo-temporais que
lle concede un Deus representado por un pato de Goma, acadou o Premio ao Mellor Proxecto Académico.
O publico asistente e o xurado puido probar o videoxogo no expositor da
Universidade da Coruña onde tamén se amosaron outros dous proxectos levados a
cabo durante os dous últimos cursos académicos no Campus Industrial de Ferrol, A
Bot To The Top e After Juice. Detrás de Quack Time Event
están Dominik Konrad Kwiek, María Santalla Martínez, Santiago Adrio Nieto,
Antón Yáñez Souto, Carlos González Nieto, Manuel Pérez Parada, Adrián Iglesias
Adrover e Patricia Couceiro Rebollo.
Avy, fábulas de la noche, un videoxogo de plataformas, quebracabezas
e aventuras no que o xogador ou xogadora se achega a un mundo de xoguete onde
non todo é o que parece, conseguiu o Premio ao Videoxogo máis Cuqui. Este
proxecto naceu tamén no seo do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e
Comercialización de Videoxogos hai xa case tres anos e contou con expositor de seu
na IndieDevDay de Barcelona. Actualmente, forman parte do equipo de traballo
Sergio García Álvarez, Juan García Álvarez, Alicia Puentes Arnoso, Mónica
García Arranz e Diego Pérez Ramos.
Ademais da
Universidade da Coruña, participaron tanto no evento como no concurso a Escola
de Arte e Superior de Deseño Deiá, a Escola Pía Granollers, a Escola de Noves
Tecnologies Interactives da Universitat de Barcelona, a Escola Frame Games, o
TecnoCampus da Universitat Pompeu Fabra, o Centre de Formació Creatiu i Técnic
Sabadell, a Escola de Deseño e Artes Visuais LCI Barcelona, o Centre de la
Imatge i la Tecnologia Multimèdia da Universitat Politècnica de Catalunya e FX
Animation.