Un novo reloxo intelixente opta por non sincronizarse con outros dispositivos

martes, 7 de agosto do 2012 Marcus Fernández

A boa acollida en Kickstarter do reloxo de pulso Pebble que promete funcionar en combinación con iPhone e Android para converterse en todo un smartwatch permitiulle xuntar máis de 10 millóns de dólares, de aí que non debería sorprendernos a chegada doutros produtos semellantes como Touch Time, un novo proxecto de crowdfunding de Phosphor que busca converterse o reloxo de pulso de nova xeración con pantalla táctil e aplicacións como as dos móbiles, que contará cunha pantalla sempre acendida por empregar unha tecnoloxía como a do papel electrónico.
O prezo polo que pode adquirirse este reloxo que estará dispoñible a partir do mes de novembro sería de 99 dólares (aos que habería que engadir 25 dólares de gastos de envío, quedando nuns 100 euros), e entre as súas prestacións destaca o feito de que non funciona cunha batería recargable de duración bastante limitada, senón que é capaz de operar cunha pila de reloxo normal (CR2032), aguantando coa mesma ata un ano, polo que estariamos ante un reloxo bastante diferente dos smartwatches que podemos atopar actualmente no mercado.
O Touch Time conta cunha pantalla LCD de 144 x 168 píxeles de baixo consumo, retroiluminación LED (de cor branca), resistencia á auga, tamaño unisex (34 milímetros de ancho e 10,7 milímetros de grosor), soporte de varios idiomas (incluíndo o español), carcasa de aceiro inoxidable (no seu modelo básico e numerosas aplicacións: alarma, cronómetro, recordatorios, hora mundial, axenda, calculadora, fases da lúa... e todo iso sen ter que sincronizarse de ningún xeito cun móbil ou un ordenador, polo que haberá quen o considera máis intelixente que o resto de smartwatches.
A versión básica do reloxo custa 99 dólares e inclúe unha correa de silicona, por 149 dólares poderase optar por un modelo con correa metálica de cor prata, por 159 dólares con correa metálica escura e, por 499 dólares poderemos gozar dunha versión cunha carcasa bañada en ouro de 18 quilates e correa negra de silicona.

O reloxo Touch Time estará dispoñible en varias versións

PUBLICIDADE