Un móbil galego con soporte para 2 tarxetas SIM simultáneas

venres, 18 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A empresa pontevedresa Tynnman Technology está a colocar no mercado español un móbil que permite o uso de 2 tarxetas SIM que funcionan simultaneamente o que evita cargar con 2 teléfonos e, segundo os responsables da compañía, se trata dun tipo de terminal «que non existe en Europa, agás en Holanda».
O Tynman TMP-1012S non só ten esa peculiar característica, senón que tamén se trata dun móbil dual bastante completo, cunha pantalla táctil de 2,6 polgadas, cámara de 1,3 Mpíxeles, reprodución multimedia (con soporte de ficheiros MP3, AMR, ACC, MID, MP4 e 3GP), conectividade USB e Bluetooth dual, lector de memorias microSD (inclúe unha de 256 Mb), mans libres integrado, SMS, MMS, navegador WAP e distintas aplicacións moi útiles (gravadora de voz, axenda, conversor de medidas e moedas...). Amais, pode usarse coma disco USB ou coma webcam.
Inclúe 2 baterías de litio de 1.000 mAh recargable tanto por USB como a través da rede eléctrica, dando unha autonomía de 3 horas en conversa e 180 horas en espera.
Dende o pasado 19 de decembro o novo terminal véndese nas tendas de Carrefour de toda España a 349 euros así coma en El Corte Inglés.

PUBLICIDADE