Un millón de Pebble

luns, 2 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Mentres o Apple Watch non remata de chegar ao mercado e os distintos smartwatches con Android Wear non conseguen consolidarse, a compañía que conseguiu trunfar en Kickstarter co seu reloxo conectado, Pebble, deu a coñecer que pechou 2014 colocando no mercado o seu smartwatch 1 millón, volume considerado como moi positivo para unha compañía independente, pero que sería unha cantidade moi modesta se estamos a falar dunha nova modalidade de dispositivo con vocación de converterse en masivo.
Algunhas estimacións sitúan en 800.000 as unidades de smartwatchs Galaxy Gear que Samsung tería colocado no mercado, o que faría aínda máis importante o número de unidades do Pebble que chegan ao público, aínda que a chave deste éxito relativo parece que sería o feito de que este reloxo é multi-plataforma e ten unha autonomía aceptable (grazas a adoptar tecnoloxía de papel electrónico na súa pantalla). Un detalle que tamén axudou a mellorar as vendas de reloxos foi a estrea do Pebble Steel, que ao adoptar unha carcasa de aceiro conseguiu unha estética máis elegante, que foi moito mellor recibida polo público, aínda que esta versión de luxo incrementa o seu prezo considerablemente (o Pebble normal venderíase actualmente a 129 euros, mentres que o modelo de aceiro custaría 229 euros).
Queda agora por ver se a chegada do reloxo de Apple dinamiza o sector, facendo que o Pebble venda aínda máis ou, pola contra, supón unha competencia demasiado dura.

Rumores sobre o Apple Watch

Un dos detalles a salientar do Apple Watch é que o seu tamaño e deseño faino atractivo para o seu uso por parte de mulleresPrecisamente sobre o Apple Watch tamén hai moitos comentarios ultimamente, especialmente centrados no modelo de ouro de 18 quilates, pois non só os prezos do reloxo son aínda unha incógnita, senón que resultan evidentes as dificultades para vender ese tipo de produto nunha tenda de Apple ordinaria. Aseguran que Apple estaría a preparar medidas de seguridade para as súas tendas que lles permitise operar como unha xoiería no que aos reloxos se refire, para o que incluso habería que instalar unha especie de caixas fortes que tamén funcionasen a xeito de cargadores, de xeito que poidan manterse os reloxos seguros pola noite e operativos para que os usuarios puidesen probalos durante o día.
Espérase que a mediados de mes comecen as sesións formativas para os empregados das Apple Stores, para que aprendan o funcionamento do Apple Watch de cara ao seu lanzamento posiblemente no mes de abril.

PUBLICIDADE