Un investigador do CITIC obtén o premio ao mellor TFG da Facultade de Informática

martes, 27 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente a Facultade de Informática da Coruña (FIC) deu a coñecer o gañador da terceira edición do seu Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado. Estamos a falar do investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC), Plácido Lizancos Vidal, quen obtivo o devandito galardón grazas ao seu traballo Extracción de zonas quísticas en imaxes OCT de fondo de ollo. O evento de entrega celebrouse o pasado xoves 22 de marzo. O certame, no que colaboraron novamente o Centro de Investigación TIC (CITIC) e a FUAC, buscou enxalzar e visualizar a capacidade investigadora e desenvolvedora do alumnado.
A terceira edición do Premio ao Mellor TFG da FIC incluíu un primeiro galardón de 1.500 euros para o gañador e dous accésit de 500 euros.
A investigación de Lizancos consistiu en dar forma a un sistema automático con capacidade para avaliar as imaxes obtidas con métodos como a tomografía e definir con precisión se existen corpos quísticos na retina e en que grao se atopan. O fin último é detectar a dexeneración macular asociada á idade e a retinopatía diabética, doenzas que poden acabar en cegueira.
Segundo informou o xurado, “este sistema é máis preciso cós actuais métodos de análises de imaxes, polo que incrementa a fiabilidade das probas, a través de técnicas de visión artificial”.
Os outros dous finalistas foron Laura Montes Pombar, co TFG Análise de patróns cerebrais para o control de cadeiras de rodas, e Miguel Villar Rodríguez, co traballo Desenvolvemento de módulos para robótica educativa en AppInventor. Cada un deles recibiu 500 euros
Lembrar que esta terceira convocatoria do certame da FIC contou novamente co patrocinio de importantes empresas como Everis, Grupo Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) ou Telecom, amais da devandita colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).
O xurado que avaliou os aspectos técnicos das solicitudes presentadas e o interese práctico do desenvolvemento das mesmas foi conformado unha vez máis polas propias empresas colaboradoras.

PUBLICIDADE