Un estudo di que os homes de EE UU queren máis ó seu iPod cá súa parella

mércores, 24 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Hai unha cousa que semella non ter fin: as estatísticas parvas e sen utilidade aparente sobre as preferencias dos usuarios da Rede. Unha das máis recentes e certamente rechamantes é a que reflicte estes días Engadget e na que se informa de que o 65% dos habitantes de Estados Unidos dedica máis tempo ó seu computador persoal cá súa dona. Amais, segundo se sinala na enquisa, o 13% dos homes é quen de verse con forzas de deixar á súa parella por un iPod, en caso de que fose preciso (!).
O estudo, que non se para en se é compatible o uso do dito reprodutor de Mac co feito de ter moza (semella que non, a xulgar polo que se di nel), probablemente non sexa tan tremendamente frívolo como parece a primeira a vista e poña sobre a mesa (aínda que se cadra de xeito inconsciente) unha cuestión cada vez máis preocupante: as novas tecnoloxías da comunicación crean dependencia, abandono das obrigas na familia e do posto de traballo e, o máis terrible de todo, fomentan a incomunicación. En definitiva: probablemente algo non funcione moi ben cando non concibimos ir a ningures sen o teléfono móbil (hai quen leva dous no van, cargados como pistolas) ou cando interrompemos a calquera persoa que nos fale cada vez que nos chaman ó terminal.

PUBLICIDADE