Un estudo afonda no dilema do xornalismo actual: ou tira proveito das redes ou esmorece

xoves, 19 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Coa Sociedade da Información non vale con facer coma se nada tivera pasado. Isto é ben aplicable, por exemplo, ao eido profesional do xornalismo, un dos máis afectados polos cambios. Seguir facendo o mesmo que se facía antes da Rede? Nin os lectores nin os informantes nin tampouco os anunciantes o permitirían. De feito, a tendencia é que todos esixan cada vez máis: unha incursión cada vez máis fonda (e máis alá) nas augas non sempre nidias da Sociedade do Coñecemento. E se hai vídeos de por medio, mellor que mellor. A estas e a outras conclusións veñen de chegar os autores do Estudo sobre o Xornalismo Dixital en Europa, unha investigación paneuropea sobre como mudou o xeito de traballar dos profesionais da comunicación coa chegada do dixital.
Co fin de coñecer isto de primeira man, contactouse con até 347 xornalistas de Bélxica, Francia, Alemaña, Países Baixos, Italia, España, Suecia e Reino Unido. O estudo, feito por Oriella PR Network, salienta entre outros o seguinte dato de interese: case a metade dos enquisados sente que se lles esixe producir máis contidos para os seus respectivos medios.
Entre os formatos de máis pegada no eido xornalístico sinálase sobre todo o vídeo, favorecido polo afianzamento das novas ferramentas de gravación, montaxe e difusión. Neste senso, cómpre sinalar que no estudo detállase que o 40% dos enquisados constata que ten xa a responsabilidade de xerar televisión en liña ou anacos de vídeo, malia que só un 3% dos participantes no estudo afirmou traballar nun medio audiovisual.
Asemade, os xornalistas vense cada vez máis impelidos (e acaban por facelo, de xeito voluntario ou non) a comunicar a través de certas novas feituras achegadas pola Web como son os blogs (o 44% das cabaceiras xa edita bitácoras asinadas polos seus xornalistas), os podcasts e o audio (o 18% traballa nestes formatos) ou o vídeo (o 24%).
Isto polo que respecta a datos europeos. En España, a situación cambia e para peor. Aos xornalistas deste país aínda lles queda camiño por andar no eido dixital, tal e como se reflicte da seguinte información achegada polo estudo: só un 6% das cabeceiras edita blogs dos seus profesionais, só un 12% inclúe podcasts e unicamente un 19% inclúe foros para fomentar a participación dos usuarios.

PUBLICIDADE