Un dispositivo permitirá crear fotografías Polaroid da pantalla do noso smartphone

mércores, 11 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos Polaroid Originals está a aproveitar a nostalxia do público para comercializar produtos que lembren ás clásicas fotografías instantáneas, e tras cámaras retro e novos cartuchos de papel fotográfico que simulaban aos orixinais (aínda que sen chegar a replicar ao 100% o seu comportamento), van lanzar en outubro o Polaroid Lab, unha nova solución de revelado fotográfico que utilizará como fonte das imaxes a pantalla do noso smartphone.
Espérase que esta especie de impresora analóxica saia á venda por uns 129 dólares e funcione con películas i-Type (o paquete de 8 fotografías en cor véndese por 15,99 euros), replicando a experiencia de disparar unha fotografía instantánea, pero en vez de retratar a realidade, capturando a pantalla do teléfono, e esperando logo 15 minutos para que a fotografía se revele.
Temos así un produto que non será cómodo de utilizar, que terá un prezo moi elevado (especialmente a nivel de consumibles) e cun resultado cunha calidade moi discutible, pero que de todos os xeitos poderá ter unha boa acollida entre un público que busca certo toque vintage, así como distanciarse da tendencia actual das fotografías masivas en dixital (que fai que cada instantánea sexa moi efémera).

Vídeo promocional do Polaroid Lab

PUBLICIDADE