Un conferencia de Elena Neira explorará a posguerra do streaming

martes, 23 de maio do 2023 Marcus Fernández

A profesora e investigadora Elena Neira, experta no sector audiovisual e autora do libro Streaming Wars: la nueva televisión, a quen o outono pasado puidemos ver na Coruña impartindo un relatorio sobre a medición de audiencias nas plataformas de vídeo baixo demanda, visitará o vindeiro luns as instalacións de CTV en Montouto para impartir unha conferencia que levará como título Tendencias do audiovisual na posguerra do streaming.
Abordará temas como o cambio do modelo de negocio audiovisual, o boom da publicidade (FAST e AVOD), os retos dos medios convencionais, a medicións de audiencias, a intelixencia artificial ou o contido local con alcance global, temas de grande interese nun momento tan cambiante como o actual, no que está a redefinirse o sector dos contidos tanto a nivel de produción como de consumo.
Neira foi considerada como unha das 50 mulleres máis influentes do negocio audiovisual español segundo a revista Forbes, e nos últimos anos analizou de xeito pormenorizado a emerxencia do servizos de streaming e o seu impacto no sector, no que foi considerado como toda unha guerra, que provocou a situación actual, na que os distintos servizos non poden continuar medrando en público e investimento e teñen que comezar a cadrar as súas contas, nunha grande reestruturación que Neira chega a describir como unha posguerra, que parece lonxe de rematar, xa que está topando novos retos como a irrupción da intelixencia artificial ou a irrupción da publicidade en plataformas que a rexeitaban de raíz.

Charla TEDx de Elena Neira sobre Netflix

PUBLICIDADE