Un cargador USB emprega o lume como fonte de enerxía

venres, 11 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Existen numerosas ocasións nas que resulta imposible atopar unha toma de corrente operativa para poder recargar os nosos dispositivos electrónicos, e aínda que hai solucións moi interesantes como as baseadas en paneis solares, un novo proxecto busca ofrecer unha alternativa que non teña o problema de non poder operar de noite ou en interiores: FlameStower, un cargador que funciona utilizando o lume como fonte de enerxía.
Este dispositivo conseguiu superar os 15.000 dólares que buscaba en Kickstarter para facer viable o seu proxecto, e durante os días que restan da campaña de micromecenado será posible adquirir por 80 dólares (66,41 euros con gastos de envío incluídos) un destes trebellos que espera poder entregarse aos mecenas no mes de decembro.
Para o funcionamento do FlameStower temos que colocar o dispositivo sobre unha chama (que pode vir dunha fogueira ou dun fogón dunha cociña ou dunha bombona de acampada) e conectar ao seu porto USB o dispositivo que queremos cargar, estimándose que por cada minuto de carga podería dotar a un móbil de entre 2 e 4 minutos de autonomía en conversa (o sexa, que non estamos ante un cargador rápido, senón que precisaría dunhas 3 horas para cargar completamente un móbil).

O FlameStower permite cargar un móbil grazas á chama dunha bombona de camping