Un altofalante con asistente de voz mellorará a cobertura da Wi-Fi doméstica

venres, 31 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Durante os últimos meses cobraron grande relevancia os altofalantes conectados de Google, Apple e Amazon, pero outras compañías tamén están a entrar nese mercado, con propostas bastante orixinais, como no caso de Netgear, que aproveitou a súa liña de dispositivos Wi-Fi en maia, Orbi, para integrar Alexa e mesturar así dúas familias de produto moi diferentes.
Deste xeito, o altofalante conectado Orbi Voice, será un satélite dunha rede sen fíos de tipo maia de Netgear, que funciona tamén como un altofalante con tecnoloxía Harman Kardon e que integra o asistente virtual Alexa de Amazon.
Deste xeito, a colocación dun satélite para mellorar a cobertura da rede Wi-Fi do fogar terá un menor impacto, ao gañar utilidades, xa que pode aproveitarse a súa presenza para escoitar música, resolver dúbidas, informarse da actualidade ou controlar a electrónica doméstica.
Este novo produto poderase mercar a partires do mes que vén en lote cun router Orbi por 499,99 euros, ou de xeito independente por 329,99 euros, converténdose nun dos altofalantes conectados con maior atractivo do mercado por ofrecer un son de calidade e un valor engadido moi interesante: mellorar a cobertura da rede Wi-Fi doméstica.

PUBLICIDADE