Un accesorio permitirá medira a radiación dende o móbil

luns, 19 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Moitos son os accesorios que permite engadir prestacións aos smartphones actuais, pero un que pode resultarnos realmente sorprendente no noso territorio é o novo DO-RA.uni, un medidor de radiación que pode conectarse á toma de auriculares do noso móbil e que funciona en conxunción con aplicacións para practicamente todos os sistemas operativos móbiles, permitindo o rexistro da exposición á radiación que se acumula durante o día a día, o que pode resultar de especial interese en zonas como Chernobyl ou Fukushima, como demostra o feito de que este trebello ruso teña xa 1.300 unidades encargadas antes do seu lanzamento, principalmente por parte de usuarios de iPhone, que están dispostos a pagar uns 150 dólares por el (prezo que aseguran que é moi competitivo, pois dosímetros doutros fabricantes custarían entre 250 e 400 dólares).
O dispositivo podería funcionar como un dosímetro básico, permitindo coñecer a exposición a longo prazo, ou tamén como un radiómetro (medindo a radiación cada 4 segundos), o que facilita a súa adecuación a distintos escenarios. A compañía detrás deste invento está a buscar reducir o seu tamaño, de xeito que podería chegar a integrarse dentro de móbiles (ou incluso na súa batería), no que parece unha prestación moi atractiva para quen se mova en certos contornos.

A versión para iPhone do DO-RA.uni parece ser a de maior demanda

PUBLICIDADE