Un accesorio para iPhone permite controlar o noso nivel de glicosa

luns, 7 de maio do 2012 Marcus Fernández

O número de accesorios para o iPhone non deixa de medrar, pero cada vez vemos máis orientados a usos médicos, que buscan tirar proveito do feito de que os usuarios levan sempre o móbil consigo, e así temos que nos EE.UU. comezan a vender un medidor de glicosa de IGBStar que pode conectarse a un iPhone ou iPoad Touch para rexistrar os nosos niveis en sangue, que poden verse como un rexistro histórico, estatísticas en períodos de 7, 14, 30 ou 90 días ou gráficas que achegan unha imaxe visual do nivel de azucre en sangue a través dunha aplicación móbil. Unha interesante ferramenta para que os diabéticos poidan coidar da súa saúde grazas a un bo rexistro de información.

En Europa temos á venda un medidor de glicosa para iOS de Medisana

Pero en Europa tamén temos dispositivos semellantes, como o GlucoDock de Medisana, que tamén apoia o seu funcionamento nunha aplicación para iOS e véndese por 99,99 euros. Permite levar un rexistro diario dos resultados rexistrados e pode medir o nivel de glicosa nuns 5 segundos.
Cómpre destacar que Medisana non limita os seus produtos para terminais móbiles de Apple a medidores de glicosa, senón que tamén ten o ThermoDock (medidor de temperatura por infravermellos), o CardioDock (medidor de pulso e tensión arterial) e a TargetScale (báscula de análise corporal e peso metabólico), dispositivos que poderían popularizarse no tempo para poder levar un mellor control da nosa saúde, tanto pola nosa banda como de cara a subministrar información pormenorizada do noso día a día ao médico, o que incluso podería permitir a tele diagnose.

PUBLICIDADE