Un accesorio dota ao iPhone de carga sen fíos

mércores, 5 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Tras trunfar sobradamente nunha campaña de micromecenado en Indiegogo Fonesalesman conseguiu que o seu iQi Mobile Receiver pasase a ser un produto comercial á venda por 25,47 euros e que vén a ser un accesorio cun tamaño semellante ao dunha tarxeta de crédito cun grosor de entre 0,5 e 1,4 milímetros que pode conectarse por un extremo a un conector Lightning dun iPhone 5/5C/5S ou un iPod Touch de quinta xeración para achegar a través do mesmo carga mediante indución, ou sexa, que de xeito case transparente permite aos móbiles de Apple superar unha das súas principais eivas: a falta de carga sen fíos.
Os usuarios de iPhone que empreguen unha funda (de silicona ou xel) no seu móbil apenas percibirán o uso do iQi Mobile Receiver (que é compatible coas fundas oficiais de Apple, incluíndo as que teñen aparencia de coiro), que permanece de xeito case inapreciable entre o teléfono e a súa funda, de xeito que poderemos cargar o móbil con só colocalo sobre un cargador coa tecnoloxía de carga Qi (empregada por dispositivos como o Nokia Lumia 920 ou os Nexus 4/5/7) convertendo o móbil de Apple nun auténtico dispositivo sen fíos.
Vendo esta intelixente solución para incorporar carga por indución no iPhone sorprende aínda máis que Apple non decidise por integrar esta tecnoloxía nos seus dispositivos móbiles.

O iQi Mobile Receiver ten un grosor de só 0,5 milímetros na súa parte máis delgada


Vídeo de presentación do iQi Mobile Receiver

PUBLICIDADE