Un accesorio converte ao iPad nun futbolín en miniatura

mércores, 21 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que o futbolín é un xogo moi ligado ao mundo físico, non faltan iniciativas para levalo ao eido electrónico, de xeito que Foosball HD quería trasladar a experiencia ao iPad e Foosball 2012 facía o mesmo coa PS3 e a PS Vita, pero agora dende New Potato Technologies queren dar un pequeno paso atrás e propoñen un accesorio para o iPad que engádelle patas, os clásicos mandos do futbolín e mesmo contas para levar a puntuación, conseguindo así replicar a pequena escala un futbolín que dubidamos que sexa cómodo polo seu reducido tamaño, pero que pode ter o seu aquel para os nostálxicos deste deporte de bar que cada vez está menos presente nas nosas vidas.
O accesorio Classic Match Foosball mide 18 x 30 x 8 centímetros, pesa 85 gramos, é compatible coas 3 primeiras xeracións de iPad (precisa do conector base de 30 contactos), completa o seu uso cunha aplicación que poderase descargar de balde da App Store e ten un prezo de 99,99 dólares, aos que habería que engadir 60 dólares de gastos de envío, sumando uns 124,45 euros, polo que entendemos que estamos ante un accesorio de auténtico luxo.

PUBLICIDADE