Twitter permitirá limitar os participantes en conversas

xoves, 9 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Continúan a probarse novas funcionalidades en Twitter para procurar reducir a toxicidade da comunidade de usuarios desta plataforma social que ten un serio problema cos abusóns e os usuarios incívicos, e agora está a experimentarse coa posibilidade de definir quen pode responder a un chío directamente dende o formulario no que se compoñen as mensaxes.
Foi a directora de produto Suzanne Xie quen desvelou esta funcionalidade no marco do CES de Las Vegas, detallando algúns cambios que chegarán ao longo do ano e que irán enfocados ás conversas. O máis salientable sería o feito de que, ao iniciar unha conversa poderemos definir quen pode participar, de xeito que pode quedar completamente aberta, limitarse aos usuarios cos que nos relacionamos, limitarse aos usuarios citados ou incluso limitarse unicamente ao autor (ideal para a publicación de declaracións ou fíos narrativos que quere permanecer limpos).
Neste momento falamos dun experimento de Twitter que non ten data de implantación, pero prevese que chegue a todos os usuarios a nivel global ao longo do ano, por considerarse que é unha boa medida para manter as conversas libres de interferencia, aínda que tamén podería ser un problema para loitar contra a desinformación. Impedir as respostas non impediría que un chío puidese citarse.

PUBLICIDADE