Twitter Spaces está parcialmente dispoñible en Android

mércores, 3 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nas últimas semanas está a gañar moito pulo nos EE.UU. a aplicación móbil Clubhouse, que permite participar en salas de conversa a través de dispositivos con iOS, conseguindo grande atención dos medios grazas á participación dalgunhas celebridades nestas conversas en liña nas que os oíntes tamén teñen certo nivel de participación, pero esta ferramenta está a ter un grande atranco para a súa internacionalización, xa que ao estar ausente de Android péchase á meirande parte do mundo onde tal plataforma móbiles é predominante.
Conscientes desta situación, dende Twitter aceleraron o desenvolvemento de Spaces, unha nova funcionalidade de Twitter que permite participar en salas de voz, que leva unhas semanas en probas para iOS e que nas últimas horas abriuse parcialmente a Android, de xeito que os usuarios da beta de Twitter para Android xa poden unirse a unha sala de Spaces (aínda que non crear unha dende cero).
Os Twitter Spaces están a evolucionar a pasos axigantados, incorporando cada vez máis prestacións e aproveitando a súa integración nunha rede social consolidada, o que podería facilitar que se impuxese a Clubhouse antes de que se converta no éxito que pretende ser.
Polo momento Twitter Spaces é simplemente un xeito de manter conversas de voz con grupos de usuarios, de xeito que os creadores da correspondente sala poden distribuír as quendas de palabra, o que está a empregarse de formas moi diferentes, xa que os usuarios están a explorar o tipo de contidos sonoros que son ben recibidos neste este formato en directo que podería desenvolverse dun xeito bastante diferente ao do vídeo en directo grazas ao feito de que o son mantén un maior nivel de intimidade, o que agradecen moitos creadores e tamén moitos espectadores, que teñen así menos receos para adoptar roles máis activos.

PUBLICIDADE