TurisTIC habilitará en Vigo un centro de demostración sobre tecnoloxías e turismo

martes, 26 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Museo Verbum de Vigo acollerá o vindeiro 10 de abril a segunda Xornada TurisTIC sobre Turismo Intelixente, organizada pola Deputación de Pontevedra. O evento, como sinalamos hai uns días dende Código Cero, ten o obxectivo de fomentar a colaboración entre empresas do sector, firmas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e Euskadi). Entre as actividades previstas, inclúese a habilitación dun centro de demostración TIC.
Nesta palestra innovadora, en colaboración co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster TIC Galicia, 15 proxectos que hibridan turismo e tecnoloxía porán en valor o talento emprendedor da provincia a través de proxectos que combinen o mundo tecnolóxico e o turístico. Poderán participar nesta iniciativa un máximo de 15 propostas, que deste xeito terán ao seu alcance a posibilidade de presentar e interactuar nunha sala con máis de 150 persoas especializadas do sector.
A cita, que tamén ofrecerá relatorios e mesas redondas, achegará un contexto para avaliar colectivamente as oportunidades e os desafíos para o sector turístico e a xestión de destinos intelixentes. Vanse desenvolver tres mesas redondas: A gobernanza nos destinos turísticos intelixentes, A innovación aplicada á comercialización turística e A tecnoloxía. Presente e futuro do sector". Nos relatorios abordarase a colaboración público-privada nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e achegarase unha presentación de solucións innovadoras.
Ao abeiro do foro desenvolverase tamén o primeiro Desafío DESTinno, en colaboración coa Zona Franca de Vigo. Trátase dun hackaton para desenvolver solucións innovadoras con ferramentas de creacións de aplicacións. A proposta gañadora recibirá 3.000 euros en metálico, entre outros galardóns. O Desafío DESTinno busca aproveitar o talento da provincia para crear solucións innovadoras relacionadas cos eixos dos destinos turísticos intelixentes (goberno, innovación, tecnoloxía, accesibilidade e sustentabilidade). O desafío consiste en crear unha solución innovadora empregando ferramentas de creación de aplicacións.

PUBLICIDADE