Tui quere adaptar o seu Mercado Municipal ás máis avanzadas tecnoloxías de xestión, promoción e venda

venres, 12 de agosto do 2022 S. P.

O Concello de Tui presentou os detalles do seu proxecto para transformar e dixitalizar o seu Mercado Municipal, unha iniciativa que suporía unha viraxe integral na Praza de Abastos e a dotación de tecnoloxías avanzadas do coñecemento ao servizo dos 300 negocios locais e dos seus procesos para acadar máis competitividade. O obxectivo concreto, en palabras do Concello, “é “facer o noso tecido comercial e o mercado municipal máis moderno e adaptado ás necesidades e tendencias de consumo actuais”, segundo informaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio e Mercados, Ana Núñez.
Para a execución deste proxecto o Goberno municipal vén de solicitar o apoio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para obter fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia na liña de Ayudas para el apoyo a mercados, zonas urbanas comerciales, comercio no sedentario y canales cortos de comercialización do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
O Concello explica que o traballo realizado nos últimos anos, tanto no que se refire á xestión económica, ao feito de contar cun plan de mobilidade, coma a adhesión a distintos programas e iniciativas coma a rede Ágora ou o Pacto das alcaldías polo Clima e a Enerxía, “permítenos poder optar as distintas convocatorias das administracións estatais e europeas”.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira, Ana Núñez, explican que a iniciativa permitirá 2a revitalización do sector comercial do municipio”.
Inclúese como dixemos a reforma integral do Mercado Municipal, que actualmente conta con preto de 20 postos e ocupa a máis dunha trintena de praceiros/as, a totalidade dos 286 establecementos comerciais do municipio, e o mercado non sedentario, que se celebra semanalmente os xoves, con preto de 140 postos.
O Goberno local prevé un investimento de 1.677.189,47 € que contempla a reforma integral da Praza de Abastos coa transformación dos puntos de venda e a mellora da accesibilidade, así como a dixitalización do comercio local e accións de sustentabilidade e economía circular. Tamén se completa con medidas relacionadas coa cadea de subministro e rastrexabilidade (o que se coñece como trazabilidade) e actividades de formación e sensibilización.
Neste proxecto contémplase por unha banda a reforma do Mercado Municipal co obxectivo a medio prazo de obter o selo de Mercado Excelente. Para iso mellorarase a envolvente, sinalizaranse os accesos, o transporte, e as zonas interiores e exteriores. Interiormente pasará a organizarse entorno a catro prazas creando percorridos que fomentan a interacción. A zona central contará con lugares de descanso e asentos, e no perímetro localizaranse os postos. Aproveitarase a luz natural do lucernario que se complementará con iluminación específica para as zonas principais e os produtos á venda. Crearase un espazo gastronómico, e unha área polivalente que servirá de obradoiro e sala de formación e degustación para acoller cursos ou charlas. Outras das melloras contempladas son a instalación de sistemas de aerotermia, illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a instalación dun punto intelixente smart lockers (armarios individuais intelixentes para a recollida de produtos) e un sistema centralizado de control de quendas. Por outra parte levarase a cabo unha análise de tendencias de compra e de oferta da competencia.
As novas tecnoloxías estarán “moi presentes nesta actuación”, explican dende o Concello, engadindo que está previsto o desenvolvemento dun portal web e unha aplicación móbil para visibilizar e mercar no comercio local, o deseño e lanzamento de campañas publicitarias en soportes dixitais, unha plataforma colaborativa e un sistema de códigos QR para produtores locais, e a implantación de redes Wi-Fi nos espazos e rúas comerciais. Outras actuacións serán a fabricación de packaging reutilizábel para o comercio local. O mercado ambulante terá a súa propia app para a xestión administrativa e de información ao consumidor.
A formación é outra das liñas previstas co desenvolvemento de cursos tanto dirixidos a mellorar o servizo e a experiencia cliente como na liña tecnolóxica sobre a implementación da web e da aplicación móbil, o inglés básico comercial, ou o reciclado e a reutilización. Os e as comerciantes e praceiros e praceiras tamén se beneficiarán dun mentoring individual para a integración dixital.

PUBLICIDADE