Tui acolle tres cursos de competencias dixitais para mulleres

venres, 12 de agosto do 2022 S. P.

O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui en Guillarei acollerá do 1 de setembro ao 11 de outubro tres cursos de formación tecnolóxica para reducir a fenda dixital de xénero. Abeirados ao programa Galegas Dixitais, teñen como finalidade concreta “a formación para a dixitalización de mulleres desempregadas”. O programa Galega Dixitais é organizado por beProject Consultores e Ara Formación e nel colabora o Concello de Tui. As mulleres que realicen esta formación, con carácter gratuíto, recibirán ao remate título oficial acreditativo.
Do 1 ao 13 de setembro impartirase o curso de Competencias dixitais básicas. Do 15 ao 27 de setembro celebrarase o curso Competencias dixitais avanzadas e por último entre o 29 de setembro e o 11 de outubro celebrarase a acción Competencias dixitais para o emprendemento. Nos tres casos será en horario de 9 a 14 h.
As mulleres interesadas poden inscribirse en galegasdixitais.es, no teléfono 986 60 32 28, no WhatsApp 604 039 575 ou no correo pontevedra@galegasdixitais.es. Ao remate da formación as mulleres participantes recibirán un ordenador portátil de agasallo.

PUBLICIDADE