Trunfa en Kickstarter un GPS para mascotas que non precisa de cotas mensuais

luns, 17 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A localización de mascotas mediante GPS é algo que perseguen moitos usuarios que temen perder ao seu compañeiro de catro patas, pero a meirande parte das solucións están baseadas en tecnoloxías móbiles, polo que veñen acompañadas por cotas mensuais, de aí que resulte tan atractivo o Findster Duo, un novo rastrexador GPS para mascotas que vén de chegar a Kickstarter e que en poucas horas conseguiu superar o seu obxectivo de financiamento, polo que a finais de ano converterase en realidade e o promotor do proxecto iniciará o envío dos produtos aos seus mecenas.
O Findster Duo, que pode adquirirse neste momento por 89 dólares (91,80 euros cos gastos de envío incluídos) estaría composto por 2 elementos: un módulo Gardián e un módulo Mascota, sendo este último o que integraría GPS e tería que colocarse no colar do noso can, mentres que o Gardián serviría de dispositivo intermedio entre o módulo Mascota e o noso smartphone, ou sexa, o elemento que evitaría que precisásemos de conectividade móbil, aínda que cómpre advertir que a distancia máxima entre ambos módulo ssería de 3,2 quilómetros (distancia máis que suficiente para os que teñan ao can na súa finca ou o leven de paseo nas proximidades do fogar).
Sobre a autonomía, o módulo Mascota podería funcionar até 12 horas de funcionamento continuo do GPS, mentres que o módulo Gardián aguantaría até 16 horas, vendéndose esta solución cun cargador que pode recargar a batería de até 3 módulos á vez. Tamén resulta interesante o feito de que a cada módulo Gardián poda conectárselle até 5 módulos Mascota, polo que os propietarios de varias criaturas teñen así unha solución bastante interesante para telas vixiadas.
Esta tecnoloxía busca servir para poder realizar un seguimento en tempo real do módulo GPS para poder localizar onde está a nosa mascota dende o noso smartphone nun momento puntual; a súa aplicación móbil conta cunha función de radar para facilitar a localización da mascota; o sistema permite establecer balizas de seguridade, de xeito que pódense marcar zonas seguras e zonas de risco, de xeito que podemos recibir unha alerta en tempo real cando a mascota se afasta do seu territorio ou entra en zonas das que queremos que estea afastada; o sistema tamén pode definir unha zona segura ao redor do usuario do smartphone, para que se reciba unha alerta cando a mascota se afaste demasiado; e como moitos dos servizos de GPS, con Findster Duo tamén pódese comprobar o historial de localizacións da nosa mascota.
O sistema tamén permite realizar un seguimento da actividade física da nosa mascota (para o que pode ter desactivado o GPS, durante a súa batería até 5 días), o que tamén considerarán de utilidade os usuarios afeitos a empregar eles mesmos accesorios como as pulseiras de actividade ou os reloxos deportivos.

Vídeo promocional do Friendster Duo

PUBLICIDADE