Tropico 5 destaca entre os xogos de maio de PlayStation Plus

mércores, 27 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras a decepcionante oferta de Games with Gold para o mes de maio, Sony ten a posibilidade de quedar bastante ben para o vindeiro mes coa súa oferta de xogos para os subscritores de PlayStation Plus, que chega encabezada por Tropico 5 para PlayStation 4, título de simulación e estratexia que só ten un ano no mercado, polo que de seguro que será agradecida a súa chegada. Os usuarios de PlayStation 4 tamén poderán gozar do xogo de condución Table Top Racing: World Tour, que destaca pola súa orixinal proposta na que os vehículos son coches de xoguete.
Mantendo certo carácter discreto, os usuarios de PlayStation 3 recibirán un par de xogos con boa sona, como son Bionic Commando Rearmed 2 (que con aire retro recupera o espírito dun xogo arcade que Capcom lanzara en 1987) e LocoRoco Cocoreccho! (que pese a ser un xogo bastante vello continúa a ser un bo pasatempo).
Para a PS Vita en maio teremos o xogo de velocidade espacial Switch Galaxy Ultra (que tamén pode xogarse en PS4) e un dos xogos máis representativos para as portátiles de Sony, God of War: Ghost of Sparta (unha das aventuras de Kratos que demostraban que este tipo de hack’n slash podían xogarse satisfactoriamente en consola portátil).

Vídeo promocional dos xogos de PS Plus no mes de maio

PUBLICIDADE