Triunfo galego nos BoBs

luns, 13 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os premios internacionais organizados pola Deutsche Welle para destacar ós mellores blogs do mundo, os BoBs, xa teñen gañadores na presente edición, liderando ós premiados o weblog norteamericano Sunlight Foundation, que é un blog colectivo que ten coma obxectivo que o Goberno e as autoridades estadounidenses teñan máis transparencia e incluso serviu para organizar unha campaña para pedir a creación dunha base de datos coa información sobre os custos dos proxectos de lei.
O xurado considerou que este blog era un exemplo moi positivo da influenza deste formato para a mobilización dos internautas, chamando ós cidadáns a tomar un compromiso máis activo na sociedade lonxe de partidismos.
A presente edición tamén destacou porque o Premio Reporteiros sen Fronteiras (convertido en categoría fixa) tivo dous gañadores: os blogs Kosoof e Tanine Sokut, que defende a liberdade de expresión e prensa en Irán, no primeiro caso mediante imaxes (pois é un fotolog) e no segundo denunciando as violacións dos dereitos humanos así como dos asuntos ignorados polos medios de comunicación iranianos.
O mellor blog colaborativo pola súa banda foi Fussball-Club, que informa sobre fútbol e os seus resultados, aínda que tamén trata temas de política e corrupción.
Muzimei Studio acadou o recoñecemento coma o mellor podcast, aínda que este blog chinés actualmente complementa o podcasting con vídeo, e é un dos poucos podcasts con entrevista realizados dende China.
O curioso Premio Blogwurst foi a parar a Aref-adib, un curioso espazo no que atopan parecidos razoables (que tanto afectan á carátula da película Volver de Pedro Almodóvar como achegan semellanzas entre unha estatua de Venus e o boneco de Michelín) e comentarios críticos (nos que comparan a silueta de Iraq no mapa cunha soga ou co propio Darth Vader).
Aparte destes premios principais, tamén se presentaron moitos outros blogs en categorías lingüísticas, resultando coma mellor blog en español La Huella Digital do coruñés Nacho de la Fuente. Este blog trata temas de actualidade, así como relativos ó mundo do xornalismo e da blogosfera.
De la Fuente vive actualmente en Betanzos e traballa en La Voz de Galicia, e quixo dedicar o seu premio á súa muller, fixo, familia e compañeiros.
Estes premios anunciáronse nun acto público celebrado en Berlín con presenza do xurado, pero tamén hai uns premios do público, no que participaron máis de 100.000 votantes cuns resultados ben diferentes ós anteriores: Lisa Neun é o Mellor Blog, Haftegi o Mellor Podcast, o brasileiro Blog do Tas é o Mellor Blog Colaborativo, o Premio Reporteiros Sen Fronteiras foi a parar a outro blog brasileiro (Blog da Alcinéa Cavalcante), o Premio Blogwurst foi para o disidente chinés Zeng Jinyan e o Mellor Blog en Español foi para Manuel M. Almeida co seu Mangas Verdes.

PUBLICIDADE