Treintayseis, novo medio dixital para Vigo e a súa área de influencia

xoves, 22 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado o xornal El Español estreou na Coruña a publicación dixital Quincemil, capitaneada por Pablo Grandío, creador da popular páxina web de videoxogos Vandal.net, e que con este novo proxecto conseguiu un crecemento meteórico até converterse nun auténtico medio de referencia no ámbito galego, cunha presenza máis que notable en redes sociais, de aí que non sorprenda que decidisen abrir novos vieiros e estrear Treintayseis, un novo diario dixital para a cidade de Vigo e a súa área de influencia.
Treintayseis é unha aposta polo xornalismo local que non se limita á cidade de Vigo, senón que tamén incluirá información de Pontevedra e O Salnés, complementando deste xeito a información de Quincemil á hora de cubrir á meirande parte da poboación galega, procurando que as sinerxías entre ambos medios e equipos poidan axudalos a avanzar como medios de referencia.
A nova cabeceira viguesa conta cun equipo inicial de 6 persoas, recaendo a coordinación na xornalista Andrea Pérez Bouzada, quen inaugurou o novo medio cunha entrevista ao alcalde vigués, Abel Caballero.

PUBLICIDADE