Toxo Telecom lanza servizo de fibra para fogares e empresas

martes, 8 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A operadora ribeirense Toxo Telecom anunciouno este verán: o comezo do outono ía vir con novidades importantes para os clientes reais e potenciais da firma de telecomunicacións. Estas novidades eran principalmente dúas: por unha banda os atractivos prezos das diferentes tarifas de servizo móbil e, pola outra, o subministro de fibra para os fogares e as empresas (tecnoloxía FTTH polas súas siglas en inglés). O primeiro converteuse en realidade os días pasados e o segundo (a rede de alta velocidade para os domicilios, amais de móbil 4G) vén de facerse oficial a través do Facebook de Toxo Telecom.
A fibra da empresa de Barbanza estréase con tres modalidades. A máis básica é a tarifa Fibra 100, que achega 100 Mbps a un prezo de 27,95 euros. A segunda, Fibra 300, subministra 300 Mbps a un custe de 31,95 euros. A tarifa máis completa é Fibra 600, que achega 600 Mbps a 35,95 euros. Segundo lembran dende Toxo Telecom, todos os prezos inclúen o IVE.
Para resolver dúbidas sobre esta nova liña de servizo, a operadora recorda que hai un número de teléfono móbil específico ao que chamarmos, o 602 247 247, e que tamén está operativa a páxina web www.toxotelecom.com e máis o Facebook propio da empresa, actualizado de xeito permanente.
A fibra de Toxo Telecom, que xa ten imaxe propia (a caixa de cereais como alimento completo e máis que nutritivo), vaise comercializar en converxencia ou individualmente.
Toxo Telecom, para que non o saiba, é unha operadora galega posta en marcha en 2018 por tres emprendedores de Ribeira, centrada en ofrecer servizos de telefonía móbil, con tecnoloxía 4G en todo o territorio nacional. Recentemente a empresa avanzou a posibilidade de ofertar aos seus usuarios produtos de telefonía fixa e vender así unha solución converxente con catro servizos principais: TV, móbil, fixo e Internet, como ofrecen os grandes operadores.

PUBLICIDADE