Toupiciencia lanza un libro interactivo con vídeos, audios e actividades

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

O proxecto Toupiciencia, miniserie e xira divulgativa de índole científico-tecnolóxica organizada por A Xanela do Maxín e impulsada ao abeiro de FalaRedes (Secretaría Xeral de Política Lingüística), comezou o ano cunha importante novidade: a publicación dun libro dixital e interactivo dirixido a nenas e nenos de 7 a 11 anos. Segundo informaron os responsábeis da xira e reflicte o Portal da Lingua, o libro inclúe vídeos, audios e actividades que mostran desde experimentos científicos ata os avances da ciencia galega actual e os científicos máis relevantes de Galicia. Pódese descargar o libro, en formato epub, a través da dita web de Política Lingüística.
O espectáculo
Toupiciencia Show é un espectáculo de monicreques para público infantil e familiar no que se fomenta e promove a divulgación científica en galego nun espazo de convivencia e proximidade. Nel tamén se comparten experiencias e ábrese o camiño ao diálogo e interacción.
Os protagonistas da actividade, amais da rapazada do público, son a Toupiña e o seu axudante Protonio, que andan a buscar ás persoas científicas do futuro e para iso exploran facendo divertidos e dinámicos experimentos utilizando o método científico, promovendo a curiosidade e mostrando a gran importancia que ten o facer preguntas para poder avanzar.
A serie
A xira Toupiciencia está baseada na miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á nenez con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un, materializados co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüísitica. Neles, Toupiña e outros monicreques descobren o mundo da ciencia e as tecnoloxías a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas. O proxecto conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros. Os capítulos están dispoñíbeis no Portal da Lingua de Política Lingüística.

PUBLICIDADE