Toshiba abandona totalmente a fabricación de portátiles

luns, 10 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a operación non tivo grande visibilidade, hai un par de anos Toshiba vendeu a Sharp o 80,1% do seu negocio de ordenadores persoais, conservando a marca Dynabook, e agora a Toshiba Corporation anuncia que o 19,9% das accións que conservaba de Dynabook Inc. transferirallos a Sharp.
Con esta operación Dynabook pasa a ser unha subsidiaria de Sharp, e Toshiba abandona totalmente a súa presenza no mercado dos ordenadores persoais, seguindo os pasos de compañías como IBM, e poñendo fin a unha historia de 35 anos na que a compañía deixou unha importante pegada. Lembremos que o Toshiba T1100 está considerado como o primeiro ordenador portátil de fabricación masiva, Toshiba estivo detrás da creación do DVD e tamén formou parte do consorcio con Microsoft e NEC para a creación do HD DVD (formato derrotado na guerra contra o Blu-ray).
Actualmente a compañía conta con divisións dedicadas a sistemas de infraestruturas, solucións dixitais, sistemas de almacenamento e semicondutores e incluso solucións de enerxía, sectores máis dinámicos e rendibles que o da informática persoal.

O Toshiba T1100 está considerado como un dos primeiros ordenadores portátiles fabricados en masa

PUBLICIDADE