Tomb Raider: Definitive Edition destaca entre os xogos ofrecidos para os usuarios de Xbox LIVE Gold en setembro

martes, 25 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Mentres Sony está a afrouxar o ritmo cos xogos de PS Plus, Microsoft pisa o acelerador, e presenta un mes de setembro moi atractivo para os subscritores de Xbox LIVE Gold, que poderán acceder sen custo adicional a un par de xogos de Xbox One e outros dous de Xbox 360, coa vantaxes de que estes últimos tamén poderán xogarse na consola de nova xeración grazas á retrocompatibilidade, detalle polo que este servizo está a incrementar considerablemente o seu atractivo.
O principal xogo que estará dispoñible para Xbox One entre o 16 de setembro e o 15 de outubro será Tomb Raider: Definitive Edition, xogo valorado en 29,99 euros, e que chega posiblemente no mellor momento posible, xa que en novembro comezará a comercialización da súa secuela en exclusiva temporal para Xbox One. O xogo trátase dunha remasterización do reboot de Tomb Raider, incluíndo todos os contidos descargables que foron saíndo na anterior xeración de consolas, e cunha importante mellora gráfica (que incluso supuxo cambios na propia aparencia física da protagonista).
Máis modesto é o outro xogo que chega para Xbox One durante todo setembro, The Deer God, un xogo de plataformas con gráficos pixelados que xoga con conceptos como a reencarnación, colocándose no rol dun cazador que subitamente aparece en forma de cervo que debe sobrevivir.
No caso da Xbox 360, na primeira quincena de setembro ofrécese o xogo Battlestation: Pacific, valorado en 24,99 euros, e que vén a ser un xogo de acción, aventuras, estratexia e simulación, desenvolvido por Eidos, e que permite controla máis dun cento de unidades aéreas, navais e submarinas, loitar en dúas campañas históricas individuais a grande escale e gozar tamén dun sistema multi-xogador con 6 modos únicos nun grande número de escenarios de combate.
O xogo para a segunda quincena de setembro é moito máis importante, xa que trátase do popular Crysis 3, valorado en 19,99 euros e integrante dunha popular saga que conseguía marcar o teito gráfico dos videoxogos. Este xogo de acción en primeira persoa foi un supervendas en 2013 e permítenos meternos na pel de Prophet, un soldado equipado cun nanotraxe que facilítalle blindaxe e camuflaxe, que desta volta combaterá nas Sete Marabillas da Cúpula da Liberdade de New York, escenario bastante diferente dos contornos selváticos de anteriores entregas.
Complétase así un auténtico mes de luxo, especialmente para os propietarios dunha Xbox One, que verán como a súa subscrición a Xbox LIVE non só lles abre a posibilidade de xogar en liña, senón que tamén os compensa con excelentes xogos.

PUBLICIDADE